Hoxe cúmprense 150 anos da chegada do Nautilus a Vigo, segundo describe Xulio Verne na súa obra “20.000 leguas de viaxe submarina”. Con este motivo, esta fin de semana ofrécese a posibilidade de embarcar no Nautilus para seguir a pegada submarina de Verne na ría de Vigo.
Non é o Nautilus de Verne pero este barco permite achegarse aos lugares da ría de Vigo que inspiraron as súas vintemil leguas de viaxe baixo os mares na procura dos tesouros perdidos na batalla de Rande. Un percorrido no que buscando as pegadas submarinas de Verne os viaxeiros atopan o auténtico segredo da ría.
E fano grazas a Nemo, un intrépido explorador que conta coa tecnoloxía máis punteira para obter imaxes en directo ata a cen metros de profundidade.
Estas viaxes enmárcanse no congreso internacional organizado en Vigo para reivindicar a proxección internacional que Verne fixo da ría galega.
Logo do éxito da inicativa, o concello de Vigo estuda a creación dun museo permanente arredor da figura de Verne e a súa relacion cunha cidade que o escritor visitou en dúas ocasións.